Baiona finaliza as obras de acondicionamento do Camiño dos Eidos en Baíña

O Concello de Baiona finalizou as obras do proxecto de acondicionamento do Camiño dos Eidos, na parroquia de Baíña, por importe de 93.170,93 euros, que se financiaron con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación principal que se realizou neste camiño é a rehabilitación do firme existente ao mesmo tempo que se melloraron diferentes tramos de drenaxe. Tamén se levou a cabo o caixeo e pavimentación nos diferentes sobreanchos non pavimentados coa finalidade de ampliar lixeiramente a sección transversal existente, ampliando a calzada da zona.

Así mesmo, mellorouse a zona de esparexemento situada nunha marxe da vía, na que se procedeu á protección das marxes do regato próximo e á mellora nas condicións estéticas da devandita área. A zona de recreo foi dotada de elementos bio-saudables, pavimentada en lastra de pedra, con xardineiras a nivel da rasante, delimitada con varandas, e instaláronse bancos, papeleiras e unha fonte para o esparexemento e goce de todos os seus veciños e veciñas.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, declara que se trataba dunha actuación moi necesaria, xa que “é unha das calzadas máis transitadas da parroquia de Baíña, pois dá acceso a numerosas vivendas do Barrio de Eidos, unha vía moi utilizada polos veciños e veciñas da zona”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “este equipo de goberno considera prioritario ir mellorando e dotando de proxectos como este ás diferentes parroquias, con este obxectivo decidiuse investir no rural a maioría do montante do capítulo de investimentos recollidos no Orzamento aprobado inicialmente no mes de decembro”. E sinala que “do total de 928.789,58 euros destinados a investimentos, ao redor de 600.000 euros, gran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, irá destinada á mellora das nosas parroquias. Facer importantes investimentos no rural é unha das grandes apostas deste equipo de goberno, por iso contémplase para elas un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio”.