Gondomar contratará a 10 persoas a través do Plan Concellos 2021

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra segue a aprobar recursos ao abeiro das liñas 2 e 3 do Plan Concellos 2021 destinados a financiar diferentes actividades e, sobre todo, a contratación de persoal para os municipios da provincia. Nesta ocasión deuse vía libre a novos investimentos de 835.000 euros, cos que se verán favorecidos os concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Meaño, Pontecesures, O Porriño e Vilanova.

Beneficiaranse desta cuarta relación de achegas para o emprego A Cañiza, Gondomar, Meaño, Pontecesures e O Porriño. Para estes cinco concellos foron aprobados 763.000 euros cos que poderán levar a cabo a contratación de 71 traballadores e traballadoras. Contando con estes investimentos, xa son 45 os concellos que teñen aprobadas subvencións dentro da liña 3 por 7,1 millóns de euros grazas aos cales se contratarán a 677 persoas na provincia de Pontevedra.

En concreto, Gondomar contratará a 10 persoas con 158.069 euros financiados pola Deputación, 6 peóns de obra pública, 2 condutores, 1 técnico de turismo e 1 auxiliar administrativo, cun contrato de 6 meses, desde abril a decembro.