Nigrán reclama a Abanca que manteña a sucursal de Panxón operativa

Concello de Nigrán, Asociación de Empresarios Ovalmi e Asociación de Veciños Monteferro-Panxón, rexeitan a decisión de Abanca de pechar a súa única oficina en Panxón a partires do 17 de marzo e demandan á entidade que reconsidere a súa postura, xa que prexudicaría gravemente á veciñanza e empresarios de todo o litoral nigranés.

Esta petición, en nome tamén das dúas asociacións, foi trasladada polo alcalde de Nigrán aos máximos responsables de Abanca esta mesma mañá mediante un escrito oficial. Paralelamente, os veciños están a recoller firmas e convocan a unha concentración o venres ás 11:30 horas diante da porta (horario de apertura desta sucursal).

“Queremos transmitirlle oficialmente a nosa fonda preocupación polo peche da oficina da súa entidade en Panxón. Estamos a falar dunha parroquia na que viven, de xeito habitual, case que 4.000 veciños e que en tempada estival alcanza os 20.000, polo que a existencia dunha oficina de Abanca non é só necesaria, senón imprescindible. O seu peche suporá un grave problema para os moitos visitantes que se achegan a Nigrán/Panxón pero, sobre todo, para o seu empresariado e o sector hostaleiro en particular, inquedanza que nos trasladan tamén desde a Asociación de Empresarios Ovalmi. Igualmente, suporá un inmenso inconveniente para os maiores que perciben aí a súa xubilación, como sinalan desde a Asociación de Veciños Monteferro-Panxón”, sinala o alcalde, Juan González, no seu escrito.

Esta é a segunda vez que Abanca anuncia o peche da súa oficina na rúa Mariñeiro 1, xa o fixeran no pasado mes de xullo rectificando despois ante a petición do Concello e veciños e acordando cos mesmos reducir o horario de atención de 11:30 a 14:30 horas.

“Con este peche todo o litoral de Nigrán queda sen entidades bancarias, reducíndose no caso de Abanca ao centro urbano, isto xera un trastorno no día a día dos veciños que non se xustifica nin por criterios económicos”, considera o rexedor.