Nigrán retoma a atención presencial no roupeiro municipal

O Concello de Nigrán, ante a mellora sanitaria da localidade, reabre co seu voluntariado o Roupeiro Municipal no horario habitual, os mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 con cita previa no 986383081. En todo caso, o protocolo Covid-19 garantirá a máxima seguridade na entrega e recepción de doazóns (entre elas realízase corentena e desinfección da roupa). Calquera persoa pode acudir directamente no horario de apertura a doar ou recoller prendas, sexa ou non veciño do municipio, e as entidades sociais da área de Vigo que o precisen para os seus usuarios poden contactar a través do mail bibiana.peixoto@nigran.org.

O Roupeiro, situado ao carón do IES Val Miñor na rúa Paradellas, é un servizo creado no ano 2009 e único na área de Vigo polo seu carácter municipal, ofrecéndose prendas a calquera persoa independentemente do municipio onde resida e non sendo preciso ningún tipo de xustificación da necesidade porque tamén cumpre un obxectivo de sostibilidade ambiental ao darlle unha segunda vida á roupa.