Nigrán pide á Xunta colaboración para humanizar “Camiño Vello” e a reparación do emisario submariño

O goberno local de Nigrán trasladou á Xunta, coa abstención do PP, a petición de colaboración para humanizar “Camiño Vello”, a obriga de reparar o emisario submariño e a solicitude de que destine ao fondo de cooperación Covid-19 o 1,5% do orzamento. “Nós si que votamos a favor de reducir o IVE aos salóns de peiteado, cuestión que incumbe ao goberno socialista de Pedro Sánchez, e o facemos porque defendemos aos veciños de Nigrán, en cambio, o grupo municipal popular xamais votou a favor en ningún pleno de pedir nada á Xunta, é lamentable esa falta de compromiso co seu cargo de concelleiro de Nigrán”, referiu.

Camiño Vello

Ante a moción do PP para instar ao goberno local a humanizar a rúa Camiño Vello do centro de Nigrán, o rexedor confirmou que xa hai un proxecto aprobado e actualmente os veciños están a firmar as cesións, con só un propietario en contra, o que non impediría levar adiante a obra. Neste sentido, o rexedor presentou unha emenda para que a Xunta colabore coa partida orzamentaria de 618.988 €, tendo en conta que desde 2016 non investiron nin 1 € en obras solicitadas desde o Concello, mentres que a Deputación o fixo por importe de 1.600.000 € (rúa do Ceán, Mariñeiro, Torreiro de Parada, rúa Rial…). Finalmente, o PP non apoiou que a Xunta colabore economicamente nesta humanización.

Emendas

O goberno de Nigrán, ante a petición do PP para que Deputación e Augas de Galicia reparen as redes de abastecemento e saneamento presentou unha emenda reclamando á Xunta a reparación do emisario submariño de Praia América, de competencia autonómica, e para que ao mesmo tempo invista en obras de reparación, xa que desde 2016 non destinou nin 1 € a Nigrán pese a cobrar aos veciños un cánon en cada recibo. Contrariamente, a Deputación investiu más de 650.000 € neste fin (Caranquexo, San Roque, Areíña, A Carrasca…). Novamente, o PP declinou pedirlle á Xunta estas cuestións.