A Garda Civil intercepta en Nigrán un vehículo con 52 quilos de marisco indocumentado

A Garda Civil, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Baiona, interceptou en Nigrán un vehículo que transportaba 52 quilos de centolas sen ningún tipo de documentación.

A actuación produciuse o pasado venres cando unha dotación do Servizo de Vixilancia Pesqueira da Confraría de Pescadores de Baiona solicita o apoio da Garda Civil para interceptar un vehículo que saíra do peirao de Baiona, cun cargamento de centolas, supostamente indocumentadas.

O Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán activou de inmediato o protocolo de colaboración e instantes despois unha patrulla de seguridade cidadá puido interceptar o turismo en Nigrán á altura da Ramallosa.

Ao inspeccionar o vehículo púidose comprobar que, en efecto, transportaba 52 quilos de centolas sen ningún tipo de documentación, das que algunhas non alcanzaban as medidas regulamentarias.

As dúas persoas que viaxaban no vehículo, que resultaron ser dous irmáns, veciños de Baiona, foron identificados e denunciados por infrinxir a Lei de Pesca de Galicia, procedéndose á incautación do marisco que foi posto ao dispor do Servizo de Gardacostas en Vigo.