Empezan a chamar aos maiores de 80 anos da área de Vigo para a súa vacinación fronte á Covid

A Área Sanitaria de Vigo xa empezou a chamar á poboación de máis de 80 anos de idade para dar citas, con día e hora para á súa vacinación fronte á Covid, comezando por aqueles que o seu apelido empece coa letra H. As vacinas administraranse a partir do próximo luns, día 22, nos distintos centros de saúde, aos que se desprazarán 10 equipos de vacinación. A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza realiza este venres a xornada piloto da vacinación fronte á Covid a maiores de 80 anos de Galicia. Nesta semana, un equipo de 10 traballadores de servizos xerais e un coordinador empezaron a contactar con máis de 34.000 octoxenarios que restan por vacinar na área sanitaria compostelá, e que se sumarán aos máis de 3.000 maiores de máis de 80 anos xa vacinados nas residencias sociosanitarias. Así, este venres están citadas 569 persoas en 8 puntos de vacinación para administrarlles a vacina contra a Covid.