Baiona perde a subvención para crear unha área accesible na Ladeira

O Partido Popular de Baiona denuncia que o municipio deixa de estar á cabeza en accesibilidade, novamente, pola renuncia do tripartito a subvencións xa concedidas. A última destinada á construción dunha área especial para cidadáns con problemas de mobilidade na Praia Ladeira, a primeira destas características en Galicia. Dos 46.524,50 euros que custaba a execución do proxecto, a Xunta concedera o 60 por cento do diñeiro ao anterior goberno local pero cando chegaron PSdeG, BNG e Nós ao Concello decidiron rexeitar esta partida e abandonar a iniciativa nun caixón.

Un sistema de xestión, o da perda de axudas doutras administracións, que xa é habitual por parte do actual Alcalde e do seu equipo. Mentres tanto, outros municipios da contorna toman a dianteira a Baiona en accesibilidade e si aproveitan as subvencións para mellorar os seus servizos e eliminar as barreiras das súas infraestruturas públicas. Para os populares, resulta “triste” e “indignante” que o tripartito non só non traballe para conseguir novos fondos para o municipio senón que desprece os que xa tiña concedidos cando chegou ao Concello.

Un proxecto único e con atractivo turístico

O exposto polo anterior goberno popular para Praia Ladeira era un proxecto innovador e pioneiro cuxa execución sería de gran utilidade tanto para os veciños como tamén unha oportunidade turística para colectivos con estas características dado que estas instalacións de 150 m2 tamén estaba previsto que estivesen dotadas de mobiliario accesible e adaptado a bañistas con dificultades para camiñar. Ademais, a intención do executivo popular, recollida no proxecto, era que esta área de lecer adaptada puidese ser utilizada tamén como lugar de esparexemento para os usuarios do centro de día de Sabarís ou para colectivos de discapacitados da comarca.

Por todo isto, o PP baionés cualifica de “incomprensible” que o tripartito non se preocupara de executar un proxecto pechado e con partida económica asignada pola Xunta a pesar do esforzo realizado polo anterior goberno para conseguir subvencións que despois refugan. Consideran “paradóxico” que o tripartito contratase a unha empresa para realizar unha consulta veciñal sobre as carencias en mobilidade e accesibilidade cando deixaron escapar, precisamente, unha subvención de accesibilidade concedida pola Xunta.