AFAGA imparte en Baiona un programa de estimulación terapéutica para persoas maiores

O Concello de Baiona, en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia), está a impartir un Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas do que se están beneficiando veciños e veciñas do municipio. Os obradoiros diríxense a persoas co obxectivo de desenvolver a estimulación cognitiva e funcional, ao mesmo tempo que se proporciona apoio aos familiares coidadores.

O Alcalde do Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”. Os obradoiros teñen lugar os luns e venres nas instalacións do Edificio Multiusos Ángel Bedriñana, Rúa Carabela Pinta número 9, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas.

Aquelas persoas interesadas en participar no programa poderán inscribirse ata completar aforo chamando ao teléfono 986385926 en horario 9:00 a 14:00 horas.

TALLER “CULTIVA TU MENTE”

O Departamento de Servizos Sociais, do que é responsable a edil Concepción Vara, dá continuidade a este programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada e que continuou consolidándose no 2020. Este ano “Cultiva tu mente” prolóngase afianzando a continuidade do mesmo.

Impártese todos os luns e martes de 17:00 a 19:00 horas no Multiusos Ángel Bedriñana, está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal.

Desde o departamento infórmase de que está aberto o período de inscrición para participar nos obradoiros ata límite de aforo. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 986385926 en horario de 9:00 a 14:00 horas.