Nigrán instala en Praia América catro espazos preferentes para persoas con mobilidade reducida

O Concello de Nigrán avanza na creación dun areal 100% inclusivo ao instalar en Praia América-Lourido catro espazos preferentes a modo de solarium para persoas con mobilidade reducida. A actuación realizouse a través dunha subvención de 45.451 € do GALP (Grupo de Acción Local Costeira) que, a súa vez e entre outros aspectos, permitiu instalar catro novas ramplas de madeira de acceso ao areal que rematan con cadanseu solarium do mesmo material e aproximadamente 4×2 metros.

“As pasarelas permiten que persoas con cadeiras de rodas ou carriños de bebés podan acudir á praia sen problemas. Agora este espazo facilítalles a propia estancia na praia ao ser moi difícil para eles meterse na area”, explica o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa no plan municipal de inclusión “Un Nigrán para todos”. “Se ben o traballo corresponde a unha continuidade nas actuacións que se veñen realizando desde hai anos no Concello, nesta ocasión e grazas ao GALP innovamos coa circunstancia específica de traballar na accesibilidade na contorna de Praia América ao ser o areal máis urbano da localidade, creando un miradoiro accesible, varandas de seguridade, pasarelas flexibles de madeira e estes solariums”, resume.