Sin categoría

A Área Sanitaria de Vigo garantiu a atención á prioridade 1 e aos pacientes oncolóxicos durante a pandemia

A pesar do impacto da Covid-19 na actividade asistencial, a Área Sanitaria de Vigo mantivo unha liña prioritaria de actuación dirixida a garantir a atención aos pacientes con Prioridade 1 e aos oncolóxicos, cuxa asistencia non admite demoras.

Así, o balance da actividade asistencial realizada durante o pasado ano rexistra que os profesionais efectuaron un total de 28.000 intervencións cirúrxicas, máis de 6 millóns de consultas -entre atención primaria e hospitalaria- e 358.000 atencións urxentes en ambos niveis asistenciais.

No referido á actividade cirúrxica, das 27.988 operacións, 23.228 foron programadas e 4.760 urxentes. Ademais, o 58,% efectuáronse de xeito ambulatorio, dato que segue consolidando ao Meixoeiro como o maior centro de cirurxía ambulatoria de Galicia.

Vías rápidas para 4.000 pacientes con sospeita de cáncer

No referido ás consultas externas, os especialistas do Hospital realizaron 724.875 consultas externas, das que 30.780 son e-interconsultas e 112.146 foron consultas telefónicas.

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro téñense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. O pasado ano realizáronse 4.051 consultas e probas aos a través das Vías Rápidas de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia Himenópteros.

Estas vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave de xeito prioritario. De feito, no Chuvi o tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeiro contacto co especialista hospitalario é de menos de 1 día de demora media global.

Incremento das consultas telefónicas

No referido á Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Saúde Bucodental e Traballo Social- fixeron 5.411.404 consultas. Destas, 2.356.846 (un 43,5%) foron telefónicas. Por categorías profesionais, solo os facultativos atenderon 3 millóns de consultas, das que o 62% foron telefónicas.

De feito, durante a pandemia, o programa da consulta telefónica é un dos que se teñen revelado máis eficaces, xa que permite aos profesionais manter a actividade asistencial, realizando un primeiro filtro telefónico para decidir se o paciente necesita dunha consulta presencial ou ben pode resolverse o seu problema sen necesidade de achegarse ao centro de saúde. O obxectivo é minimizar as concentracións de pacientes nos centros sanitarios, evitando a exposición ao virus e o risco de contaxios.

O 17% das urxencias requiriron ingreso hospitalario

Na área das Urxencias, os PACs de Atención Primaria contabilizaron 212.988 atencións. En concreto, os profesionais do PAC de Vigo atenderon 55.223 urxencias.

En canto ás urxencias hospitalarias, un total de 144.888 pacientes recibiron atención urxente no Álvaro Cunqueiro, 111.116 adultos, 25.155 menores de 15 anos e 8.620 obstétricas. Do total das urxencias atendidas, un 17,4% requiriron ingreso hospitalario.

En relación coa hospitalización, rexistráronse un total de 39.106 ingresos. A estadía media dos pacientes hospitalizados foi de 7,1 días. Ademais, no Álvaro Cunqueiro naceron 3.349 bebés.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, explica que “aínda que o impacto da pandemia obrigou a unha diminución xeralizada da actividade asistencial, estes resultados indican o gran esforzo realizado polos profesionais; xa que tendo en conta o contexto epidemiolóxico no que estamos inmersos, cumprimos co compromiso irrenunciable de operar aos pacientes considerados de prioridade 1 e manter a atención integral aos pacientes oncolóxicos”.