O Monte Real será o primeiro club de Galicia en ofrecer os prestixiosos cursos náuticos da RYA

©Sailingshots by María Muiña Photography

O Monte Real Club de Yates de Baiona converterase este ano no primeiro club náutico de Galicia e de todo o cantábrico español que ofrecerá nas súas instalacións os prestixiosos cursos da Royal Yachting Association (RYA), os de maior recoñecemento a nivel mundial dentro do mundo náutico.

Serán unha serie de programas de formación, principalmente práctica, nos que os alumnos poderán adquirir diferentes habilidades e coñecementos relacionados coa navegación e conseguir así certificados oficiais de competencia válidos para navegar en numerosos países do mundo.

A Royal Yachting Association, con sede no Reino Unido, é a día de hoxe, a organización formativa de maior prestixio internacional, e a obtención dalgunha das súas titulacións outorga aos navegantes a certificación necesaria para navegar por augas estranxeiras. Facilítalles, ademais, xestións como o alugueiro de embarcacións ou a tramitación de seguros náuticos noutros países.

O seu método formativo ten un carácter eminentemente práctico, enfocado á navegación real, e unha cociente de alumnos-instrutor que non supera o 5 a 1, o que garante unha formación máis completa e unha atención personalizada. Os certificados internacionais outórganse, ademais, mediante un esixente exame práctico cun examinador cualificado a bordo.

No Monte Real Club de Yates impartiranse os cursos de “Competent crew” (curso para tripulantes que queren pasar de pasaxeiros a membros activos da tripulación que se realiza embarcado durante 5 días nun veleiro, aprendendo técnicas de navegación, e que habilita para navegar en travesías diúrnas en augas familiares), “Day skipper” (curso para aspirantes a patrón con experiencia en navegación a vela equivalente á titulación do PER pero máis práctico e en inglés, que habilita para a navegación costeira de día e noite), “Coastal skipper” (curso que esixe un maior número de requisitos para a obtención do título e que outorga un coñecemento

teórico equivalente ao patrón de iate, para navegar en travesías diúrnas e nocturnas sen perder de vista a costa) e o de “Yachtmaster offshore” (curso para navegantes expertos que poderán exercer de patróns en veleiros de ata 200 gt e a 150 millas da costa).

O club baionés poderá ofrecer estes cursos grazas a un convenio asinado coa empresa Julio Verne Náutica, que se encargará de impartir a formación, tanto teórica como práctica, nas instalacións do Monte Real.

O proceso de homologación dos cursos sufriu un atraso por mor da situación derivada do COVID19, pero está previsto que culmine en próximas datas e sexa este mesmo ano cando empecen a impartirse en Baiona.

Ademais de convertelo nun RYA training center, o convenio asinado con Julio Verne Náutica tamén lle permitirá ao Monte Real complementar a súa oferta formativa coa posibilidade de conseguir a Licenza de Navegación, o PNB, o PER, a ampliación de atribucións do PER ou as titulacións de Patrón e Capitán de Iate.

Así mesmo, na Escola de Vela Cruceiro do club, empezaranse a impartir novas formacións sobre planificación de rutas, meteoroloxía, navegación nocturna e gardas, ou axudas electrónicas, entre outras. En todas elas, do mesmo xeito que nos cursos RYA e na obtención do resto de titulacións, os socios do Monte Real terán prioridade no acceso aos cursos e descontos especiais no prezo dos mesmos.