Dúas alumnas do Colexio Estudio de Chandebrito, finalistas do concurso dixital de Aqualia

O alcalde de Nigrán, Juan González, e a xefa de Servizo de Aqualia en Nigrán, Marián Lago, fixeron entrega esta mañá de senllos premios como finalistas nacionais do concurso de debuxo dixital infantil de Aqualia 2019 e 2020 a Luz Hermo Vallejo e Lidia Fernández González respectivamente, ambas do Colexio Estudio de Chandebrito. As alumnas recibiron como premio un smartwatch. Este certame nacional de Aqualia é convocado cada ano co obxectivo de concienciar e educar aos máis pequenos sobre a importancia da auga e o traballo que hai detrás de abrir a billa e dispoñer de líquido de calidade.

Na edición 2020 a temática versaba sobre a axenda 2030 de desenvolvemento sostible acordada pola Asemblea de Nacións Unidas, facendo especial fincapé no ODS-6, “auga limpa e saneamento” e no 2019 sobre a investigación do ciclo da auga.

O concurso, no que ata o de agora participaron 250.000 alumnos, está dirixido a 3º e 4º de Primaria e enmárcase nas conxunto iniciativas que regularmente desenvolve Aqualia con colexios, institutos e centros universitarios para darlles a coñecer as fases do ciclo da auga e educar nun uso e consumo máis responsable deste recurso.