A Garda Civil desarticula dous importantes puntos de venda de drogas en Baiona

A Garda Civil concluíu a operación “BURGOSHOP” coa desarticulación dun importante punto de venda de drogas en Baiona. Dous veciños da localidade foron detidos e un menor 17 anos tamén figura como investigado, todos eles por tráfico de estupefacientes.

O operativo iniciouse o pasado mes de novembro, cando os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciaron unha investigación por mor de recibir informacións que alertaban da existencia dun piso no que se trapicheaba con drogas.

As sospeitas despexáronse cando se puido comprobar que o domicilio en cuestión estaba a ser frecuentado por un considerable número de coñecidos consumidores habituais de estupefacientes que, nalgúns dos casos, puideron ser interceptados cando retornaban en posesión dos estupefacientes que adquiriran.

Como resultado das investigacións procedeuse á detención do responsable do inmoble, un home de 42 anos e á investigación penal do seu fillo, menor de idade, de 17 anos, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.

Tamén foron detidos polo mesmo delito de tráfico de drogas outros dous veciños de Baiona e Oia, de 41 e 50 anos respectivamente, que colaboraban na distribución e venda dos estupefacientes, e no garaxe dun deles atopábase o outro punto de venda.

O operativo concluíu coa entrada e rexistro neste domicilio que levouse a cabo coa autorización do Xulgado de Instrución núm. 4 de Vigo. No interior do inmoble incautáronse diversas cantidades de cocaína, haxix, marihuana e anfetaminas, ademais de dúas básculas de precisión. Tamén se interveu diñeiro en efectivo, cinco teléfonos móbiles, unha axenda con anotacións das débedas das vendas e recortes de bolsas plásticas para preparar os envoltorios das doses.

Os detidos, xunto cos efectos intervidos, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución núm. 4 de Vigo que decretou a súa liberdade con cargos.