A solidariedade do comercio local de Gondomar

A concelleira de Benestar Social do Concello de Gondomar, Nuria Lameiro, acudiu a recoller hoxe a doazón realizada pola responsable do establecemento “Chupipostres” ao banco de alimentos municipal, froito da campaña solidaria promovida durante o Nadal polo establecemento.

Por cada almorzo encargado ou adquirido no local entre o 1 de decembro e o 7 de xaneiro, “Chupipostres” achegaría un produto de primeira necesidade ao departamento de Benestar Social. Finalmente entregáronse 310 produtos, prestando especial atención a aqueles que faciliten a desinfección e o coidado da saúde -produtos de hixiene bucal- así como legumes cocidos.

“Moitísimas grazas a Águeda Ubeira pola súa colaboración, dando mostra, unha vez máis, de que somos un pobo solidario que pensamos nos máis vulnerables”, sinalou o alcalde, Paco Ferreira.