Roberto Devesa, novo subdirector de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo

O novo subdirector de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo, Roberto Devesa González, incorporouse hoxe á dirección da Área, unha vez oficializado o seu nomeamento. O doutor Devesa é especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, e nos dous últimos anos viña desenvolvendo o posto de xefe do servizo de Atención Primaria de Redondela.

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, iniciou a súa traxectoria profesional nas Urxencias Sanitarias de Galicia-061, onde ademais da actividade propiamente asistencial, ocupou diversos cargos como médico coordinador e xefe de Sala. Posteriormente, desenvolveu a súa actividade como médico de familia no centro de saúde de Redondela, para pasar logo a ocupar a xefatura dese servizo de Atención Primaria.