O Vigo-Rías Baixas apontoa o seu persoal con Álvaro Carasa

A falta dun mes para o arranque da Copa de España, o Vigo-Rías Baixas aumenta o potencial do seu persoal coa chegada ás súas filas do sub23 Álvaro Carasa. O corredor toledano afincado en Córdoba incorpórase á estrutura que preside José Luis Chamorro procedente do Zabalgarbi Cycling Team. Trátase da quinta fichaxe do conxunto flúor para a nova tempada.

Carasa, de 21 anos, defínese como “un ciclista bastante completo, xa que me desenvolvo ben na maioría dos terreos. As miñas etapas preferidas son as de media montaña con final ao sprint en grupo reducidos”.

O Circuíto do Guadiana, proba fixada para o próximo 28 de febreiro, dará o bandeirazo de saída á Copa de España. “Este inicio de tempada estou a preparalo con moito mimo e moita dedicación”, comenta Carasa, que no seu primeiro ano ás ordes de Marcos Serrano márcase como obxectivos “axudar ao equipo nas carreiras do máximo nivel como son as clásicas da Copa de España e as voltas por etapas. Quero seguir crecendo como deportista e tentar buscar algunha oportunidade que poida aproveitar”.

O toledano confía en que “a situación respecto a a pandemia mellore e podamos empezar a competir”. Con todo, a crise sanitaria provocou a suspensión das dúas primeiras citas do calendario elite-sub23: a Volta ao Guadalentín e o Memorial Manuel Sanroma. Esta dobre cancelación deixa ao Vigo-Rías Baixas e ao resto dos equipos sen a posibilidade de probarse en competición antes de que se poña en marcha a Copa de España.

Os outros catro corredores que se uniron ao conxunto con sede na cidade olívica durante as últimas semanas (Ander del Castaño, Ángel Maneiro, Miguel Ángel Fernández e Max Williamson) tamén cumpren co requisito de ser menores de 25 anos, límite de idade establecido para disputar as once probas do certame máis prestixioso do calendario estatal. A última xornada da Copa terá como anfitrión esta campaña ao Vigo-Rías Baixas.