Feijóo anuncia o peche total da hostalería durante un mínimo de tres semanas

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do comité clínico, que toda Galicia estará desde o mércores 27 de xaneiro, e durante un mínimo de tres semanas, no nivel de restrición máxima.

“Todas as áreas sanitarias están a soportar unha presión importante e é necesario reducila; e iso implica a todos os galegos e a todos os concellos”, aseverou, facendo fincapé na necesidade de limitar ao mínimo as interaccións, as relacións sociais e a mobilidade.

Deste xeito, o presidente do Goberno galego avanzou que en toda Galicia, con carácter xeral, as interaccións sociais quedarán limitadas aos conviventes -agás no traballo e no coidado de maiores ou menores-; a mobilidade reducirase ao propio concello, “salvo cando non quede máis remedio” -para acudir ao médico, a un centro docente ou ao traballo-; e o toque de queda manterase no máximo que autoriza o Goberno central, é dicir, ás 22:00 horas, “porque non temos capacidade para reducilo ata as 20:00 horas”.

As actividades esenciais que quedarán permitidas serán a sanidade, educación, coidado de maiores e menores, traballo e comercio, cos seguintes condicionantes: no caso da sanidade, seguirán interrompidas as visitas aos enfermos, salvo nos casos en que o precisen por razóns de dependencia ou coidado de menores. E, en materia educativa, as universidades non reanudarán as clases ata o día 8 de febreiro e, durante a primeira semana, serán en liña; “é dicir, haberá clases telemáticas cando menos ata que pase o 17 de febreiro, á volta do Entroido”, matizou.

En canto ao comercio, Feijóo explicou que seguirá funcionando como é habitual o comercio esencial -supermercados, farmacias, talleres de vehículos, etc-. O comercio non esencial permanecerá aberto ata as 18:00 horas exclusivamente, “co obxectivo de que os cidadáns se recollan canto antes nas súas casas”; e os centros comerciais pecharán as fins de semana.

Así mesmo, o peche da hostalería será total, agás para a recollida de pedidos e a entrega a domicilio e para os comedores no ámbito laboral.

En relación á práctica deportiva, o titular da Xunta aseverou que esta queda restrinxida ao deporte individual ao aire libre e exclusivamente no propio concello, co peche dos ximnasios e outros establecementos interiores destinados a esta actividade. “Será obrigatorio o uso de máscara sempre, tamén para correr. E mantense a actividade vinculada ás competicións federadas de carácter nacional e internacional”, engadiu, lembrando que a competición autonómica continuará suspendida como mínimo durante estas tres semanas.

No ámbito dos maiores, pecharanse todos os centros sociais e semellantes, como clubes de xubilados ou fogares da terceira idade. E, en relación á cultura, suspéndese tamén a actividade de museos, bibliotecas ou calquera outro establecemento cultural ou de espectáculos.

Un esforzo máis e un novo exercicio de especial responsabilidade

Ademais destas medidas, Feijóo reiterou a necesidade de que o toque de queda sexa máis flexible, para adaptalo á situación epidemiolóxica de cada comunidade. “É un clamor na inmensa maioría das comunidades. Non é un capricho, senón unha decisión sanitaria necesaria”, remarcou, aseverando que o Goberno central aínda está a tempo de rectificar.

En todo caso, solicitou a todos os cidadáns que apliquen “de facto a medida do autoconfinamento, xa que é a máis segura e a que pode parar esta deriva de contaxios e de ocupación hospitalaria”, sentenciou.