Desconvocan a concentración en defensa do sistema público de pensións na Ramallosa

Modepen Val Miñor (Movemento en Defensa das Pensións Públicas do Val Miñor) anuncia a desconvocatoria da concentración proposta para o próximo luns, día 25, na Capela da Ramallosa. “Non quere isto dicir que renunciemos á defensa do sistema público de pensións, non, e aproveitamos para remachar a nosa oposición ás Recomendacións da Comisión Parlamentar do Pacto de Toledo”, sinalan.

“Desconvocamos sendo conscientes de que a situación sanitaria desaconsella a reunión de grupos de persoas para non facilitar a transmisión da COVID. Porén non deixamos de manifestar o noso desacordo co que se pretende aprobar proximamente no Parlamento español, e consonte a esta idea, mandarémoslles escritos aos compoñentes dos diferentes grupos parlamentares solicitándolles o seu voto negativo a esas Recomendacións cando se presenten no Parlamento”.

“Continuaremos convocando concentracións cando a situación sanitaria o permita”, conclúen desde o colectivo.