Baiona suspende toda a actividade deportiva

O Concello de Baiona informa que se suspende toda a actividade deportiva municipal, dada a situación actual por mor da Covid-19. “Por responsabilidade cara aos nosos veciños e veciñas, ao igual que o están facendo moitos municipios da nosa comunidade, pechamos temporalmente a actividade deportiva municipal”, sinalan desde o goberno local.

Así, queda suspendida tanto a oferta de escolas deportivas para nenos e adultos como o deporte escolar, e péchanse as instalacións deportivas municipais. Este peche temporal farase efectivo desde o vindeiro luns 25 de xaneiro e ata novo aviso, “co fin de mellorar as expectativas e retomar toda a actividade se cabe con máis forza e seguridade para todos”.

“Desde o servizo municipal de deportes de Baiona desexamos a pronta recuperación desta triste realidade para que en breve podamos gozar do que máis nos gusta, o deporte”, conclúe o alcalde, Carlos Gómez.