O Pesca 1 rescata a un home tras precipitarse por un cantil de Monte Lourido

Un helicóptero do Servizo de Gardacostas rescatou a un home tras precipitarse por un cantil en Nigrán. Foi o mesmo implicado quen solicitou axuda ao 112 Galicia, indicando que se precipitara por un cantil de bastante altura, na rúa de Lourido Beiramar, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa, nunha zona rochosa e que estaba ferido e non se podía mover.

Con estes datos, os xestores do 112 informaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil e á Policía Local. Así mesmo, puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño, do GES e Protección Civil de Val Miñor.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia alí desprazados, tras valorar a situación comprobaron que a persoa estaba nunha zona completamente inaccesible para facer o rescate tanto por mar como por terra.

Por iso, foi necesario solicitar a colaboración do persoal de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Finalmente, o helicóptero Pesca1 do Servizo de Gardacostas de Galicia rescatou á persoa ferida e trasladouna ata o Hospital Álvaro Cunqueiro.