Os Reis Magos visitarán cada parroquia de Nigrán en tres cabalgatas simultáneas

Os Reis Magos de Oriente cumprirán a súa anunciada promesa aos nenos e nenas de Nigrán multiplicando a súa visita ao municipio con tres “cabalgatas” simultáneas só posibles grazas á súa maxia e á colaboración das entidades veciñais e culturais. Deste xeito, a Comitiva Real ao completo visitará ao longo do día 5 un punto neurálxico de cada parroquia co obxectivo de evitar concentracións e cumprir estritamente co protocolo sanitario. O Concello repite así a mesma filosofía levada a cabo coa programación cultural para a infancia.

“Desde o Concello pedimos con moita antelación este esforzo aos Reis Magos e non o dubidaron, son conscientes do duro que foi este ano para os nenos e nenas de Nigrán e sempre tiveron claro que non ían faltar, eles mesmos me transmitiron que veñen con máis ganas que nunca. Agora o obxectivo é que cada crianza os reciba sen desprazarse da súa parroquia para evitar aglomeracións”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, quen avanza que virán con algún día de antelación ao municipio para axudar nos preparativos e seremos testemuñas diso a través dun vídeo que se estreará este domingo en redes sociais do Concello.

Neste novo formato con protocolo anticovid cada neno e nena poderá ver como os tres Reis chegan camiñando á súa parroquia para despois, xa sentados nos seus tronos, poder falar persoalmente con eles mantendo sempre a distancia de seguridade e recibindo ademais do Paxe Real un paquete individual de caramelos e chuches (veñen cargados de 700 kg, todos aptos para celíacos). Recomendándose sempre o uso de máscara incluso no caso dos menores de 6 anos para anular calquera posible risco.

Deste xeito, e tendo en conta que a previsión meteorolóxica é de ausencia de choiva, todas as visitas serán no exterior. A comitiva comezará a xornada en Chandebrito ás 12:00 horas para camiñar desde a rúa Laxes á Asociación de Veciños. Pola tarde estarán simultaneamente ás 17:00 horas no Torreiro de San Roque de Camos (subirán polo tramo final desa mesma rúa), en Parada na Praza da Igrexa (baixarán desde o aparcamento do cemiterio) e en Priegue no Torreiro (desde a praza do Peregrino na Farmacia). Na quenda das 19:00 horas, estarán simultaneamente na Praza do Concello de Nigrán (camiñarán desde a entrada do edificio antigo), na Ramallosa no Parque da Feira (desde Romana Baixa) e en Panxón no inicio do Paseo Marítimo (desde o peirao).

Xardín Desordenado

Como colofón á programación cultural de Nadal o Concello de Nigrán ofrece o concerto de Xardín Desordenado o día 6 de xaneiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal con entrada limitada ao aforo sanitario permitido nese intre. Trátase dunha banda viguesa de músicos de distintas orixes pero co jazz como punto común, dedicándose a musicar poetas galegos baixo ritmos desde o swing e blues ata a bossa nova e o bolero. Nesta ocasión desenvolverán un concerto homenaxe a Carvalho Calero, o autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2020 (o concerto estaba previsto para o mes de maio e despois outubro pero foi suspendido en ambos casos por mor das restricións sanitarias).

Anteriormente, o día 4, o pallaso nigranés Peter Punk divertirá aos nenos na Praza Rosalía de Castro ás 17:00 horas.