A Mancomunidade do Val Miñor inicia obras de mellora na Piscina da Ramallosa

O Alcalde de Baiona e Presidente da Mancomunidade do Val Miñor durante o 2020, Carlos Gómez Prado, visitou as obras de mellora que se están levando a cabo nas instalacións da Piscina Mancomunada da Ramallosa, e que se realizarán en varias fases. Gómez estivo acompañado por Francisco Ferreira, Alcalde de Gondomar, que tomará o relevo á fronte da entidade supramunicipal no 2021.

A primeira fase está focalizada no teito dos vestiarios, concretamente estanse cambiando as pranchas de pladur por outras novas. A segunda fase centrarase na cuberta da instalación. Levaranse a cabo traballos de impermeabilización nos canlóns, as baixantes e as xanelas da parte alta da cuberta. A última fase ten como fin poñer en valor a parte exterior da instalación mancomunada. Na zona axardinada instalaranse duchas e cabinas para que os usuarios poidan gozar desta zona nos meses con mellor climatoloxía.

As obras supoñen un investimento de 29.638,49 euros e foi durante a presidencia do Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, que chegou ao seu fin o 31 de decembro, cando se acordaron estes traballos de mellora nas instalacións.

Gómez apunta que “é necesario coidar os edificios públicos, e máis se cabe cando son utilizados por gran parte da poboación do Val Miñor, como é o caso destas instalacións mancomunadas. Con estes traballos mellorarase substancialmente tanto o illamento térmico da instalación como a impermeabilización. Ademais de poñer en valor a zona do xardín para que os miñoranos desfruten dun novo espazo con moitas posibilidades”.

O centro deportivo dispón de piscina, sala fitness con áreas dedicadas ao adestramento cardiovascular ou ao funcional e peso libre, ademais de zona de relax con sauna e baño turco.