Nigrán muda o pavimento da pista do pavillón municipal por PVC de 6 mm

O Concello de Nigrán vén de investir 40.000 € con cargo ao Remanente de Tesourería para mudar a pista do Pavillón Municipal de Panxón por PVC de 6 mm dando así un gran salto de calidade nas súas instalacións. Desde a súa orixe, a pista era de formigón pulido, resultando demasiado ríxida e menos saudable para celebrar competicións e previr lesións. Con este troco realizado pola empresa Sport Equipalia, usuarios das escolas municipais e clubs como o Baloncesto Nigrán, Fútbol Sala Panxón-Nigrán e Patinaxe ven cumpridos os seus desexos de actualización da mesma.

Este pavimento sintético deportivo cubre toda a pista de 40×20 metros, sendo o interior en color imitación madeira e o exterior azul. A mesma foi marcada para fútbol sala e balonmán, basket e mini-basket, tendo o escudo do Concello no centro e as letras Concello de Nigrán nos laterais. As súas vantaxes fronte a outras solucións son a adaptabilidade ás diferentes disciplinas deportivas, durabilidade e mínimo mantemento.

“A pista de formigón pulido deu un gran resultado e era a idónea no momento en que se construíu a instalación, pero actualmente quedara desfasada porque hai solucións económicas e máis saudables, como é o caso deste vinilo que, ademais, ofrece unha imaxe moderna”, resume o alcalde, Juan González.