Cristóbal Dios e Pelayo Monasterio pechan as renovacións do Vigo-Rías Baixas

O proxecto do Vigo-Rías Baixas será continuista en 2021. Oito ciclistas que militaron esta tempada no persoal Elite-Sub23 da estrutura presidida por José Luis Chamorro volverán estar ás ordes de Marcos Serrano. A formación flúor dá por pechado o capítulo de renovacións cos acordos alcanzados co pontevedrés Cristóbal Dios e o asturiano Pelayo Monasterio.

A suspensión da maioría do calendario de 2020 debido á pandemia provocou que Dios apenas puidese vestir a camisola do Vigo-Rías Baixas en competición. O triatleta da Estrada incorporouse o pasado inverno ao equipo olívico como corredor elite coa intención de compaxinar ambas as disciplinas, pero a crise sanitaria frustrou os seus plans case por completo. A estratexia deseñada para o ano que está a piques de concluír tentaraa levar a cabo en 2021.

O seu compañeiro Monasterio tampouco dispuxo de demasiadas oportunidades para poñerse un dorsal durante unha campaña tan atípica. O ciclista sub23 de Navelga participou na Volta ao Guadalentín e nalgunhas clásicas, unha escasa bagaxe de carreiras no seu primeiro curso co Vigo-Rías Baixas. Tras pasar un ano practicamente en branco, un dos seus obxectivos nos próximos meses será facerse un oco nas aliñacións das probas puntuables para a Copa de España.

Os outros seis corredores que prolongaron a súa vinculación coa entidade con sede en Vigo son o abulense Noel Martín, o guipuscoano Jon Tena, o burgalés Asier González e os galegos Manuel Sampedro, Iñigo Rodríguez e Guillermo Mallo. Renovando á metade do seu persoal, a dirección do club demostra a súa satisfacción polo nivel deportivo e polo compromiso demostrado polos seus ciclistas ao longo dun ano tan complicado.

No apartado de baixas sobresae a do xefe de filas do equipo durante 2020. Grazas ao seu sensacional rendemento no Vigo-Rías Baixas, Mauricio Moreira regresa ao campo profesional. O uruguaio comprometeuse co Efapel, unha das escuadras máis potentes do pelotón portugués.