A Xunta amplía a apertura da hostalería unha hora nos concellos en nivel máximo e medio alto

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa sobre a actualización de medidas para fin de ano establecidas polo Comité clínico, logo da xuntanza que tivo lugar onte. Nesta comparecencia estivo acompañado polo secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes, o xerente do Sergas, José Flores; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

A principal novidade respecto das decisións adoptadas no Plan de Nadal, refírese aos horarios dos locais de hostalería que, nos concellos que actualmente están en nivel máximo e medio alto, poderán abrir unha hora máis, trasladándose o horario de peche das 17 ás 18 horas. Segundo destacou García Comesaña, este horario quedará establecido tamén unha vez rematen as festas. No referido ao día 1 de xaneiro, os locais terán que retrasar a súa apertura ata as 11 da mañá, volvendo o día 2 ao horario de apertura habitual.

O conselleiro informou que entre as 00:00 horas do día 30 de decembro e as 23:00 horas do día 1 de xaneiro permitirase a mobilidade de persoas con motivos das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados. Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a nosa comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo.

Así mesmo mantense para a noite de fin de ano o mesmo horario que houbo xa na Noiteboa, ampliándose ata as 1,30 horas a mobilidade para poder retornar ao domicilio no lugar do horario máximo das 23 horas que rexe nos restantes días.

Composicións dos grupos familiares

Durante a súa intervención, Julio García Comesaña insistiu na recomendación que fai Sanidade de que as xuntanzas familiares estean integradas unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.

A segunda opción refírese a que as xuntanzas se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, introducindo como límite a cifra de 10 persoas, para respectar o establecido no Plan elaborado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, a terceira opción proposta pola Xunta, fai referencia as xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, unha situación na que non se debe exceder a cifra de 6 persoas adultas, e un máximo de 4 nenos con idade non superior aos 10 anos.