A Área Sanitaria de Vigo inicia mañá a vacinación da Covid19 na residencia Santa Ana de Ponteareas

A Xunta retoma as vacinacións mañá martes coas 350 doses que quedaran en reserva o pasado domingo. Trátase dunha decisión avalada polo Comité Clínico co obxectivo de non perder un só día no plan de vacinación fronte a Covid19. Deste xeito, empregaranse as doses que quedaron en reserva o domingo tras as inxeccións na residencia sociosanitaria “Porta do Camiño”.

Son un total de 350 doses que se repartirán en sete centros, un por cada área sanitaria. A Área Sanitaria de Vigo iniciará a vacinación fronte a Covid19 na Residencia Santa Ana, de Ponteareas. Así, un equipo de 4 profesionais de enfermaría vaise desprazar a este centro da terceira idade, onde vacinarán a 54 persoas, entre residentes e persoal. As vacinacións serán supervisadas polos xerentes das correspondentes áreas sanitarias.