Alumnado do CEP Sabarís grava un videoclip con Magín Blanco

O músico galego, Magín Blanco, súmase á celebración do 25 aniversario de Ponte…Nas Ondas! cunha composición que recolle o sentir e a experiencia de milleiros de nenos e nenas que participan na experiencia de comunicación. O alumnado do CEP Sabarís de Baiona desprazouse ao estudio Casa de Tolos en Gondomar para gravar, xunto a Magín Blanco, a composición “Ponte…Nas Ondas! A canción está acompañada dun videoclip, protagonizado polo alumnado e acompañado de ilustracións da artista gráfica Luz Beloso. Esta composición súmase á realizada polo grupo vocal Voces del más acá.

Ponte…Nas Ondas! está celebrando 25 anos de actividade, achegando a través da radio o patrimonio inmaterial galego-portugués a xoves de Galicia e Portugal. A súa actividade comezou grazas á cooperación de escola de primaria e secundaria, que realizaron ao longo destes anos diversas actividades nas dúas marxes da fronteira. Destácase a xornada anual de radio interescolar que deu nome a experiencia e que constrúe unha ponte de comunicación entre os dous territorios.

Durante estes 25 anos, a asociación contou co apoio e a colaboración de músicos e artistas do ámbito da lusofonía, participando nas xornadas de radio interescolar así como en proxectos específicos como os libros-discos Cores do Atlántico ou Meniños Cantores.

LETRA:

PONTE…NAS ONDAS!

Ondas que veñen e van
ondas de escuma e de sal
ondas de luz e cristal
ondas do mar.

Ondas que levan e traen
ondas que soben e caen
ondas de música e cor
ondas de son, ao redor.

Ondas que xogan co vento
ondas que rompen o tempo
ondas de calma e silencio
para ti.

Ondas de misterios
de aloumiños e segredos
ondas de cantares ledos
pra sentir, ao fin.

Letra: Magín Blanco
Música: Magín Blanco