Sin categoría

“Por que se tanto interese teñen, non arranxaron esa zona do paseo cando gobernaba o PP no Estado?”

Despois das declaracións feitas polo Partido Popular de Baiona, nas que afirma que a deputada de Galicia en Común por Pontevedra e agora ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o deputado pola Coruña, Antón Gómez-Reino, rexeitaron a emenda presentada no congreso polo seu grupo (PPdeG) na que solicitaban arranxar o dique do paseo da Foz en Sabarís, desde Podemos Baiona se preguntan “por que se tanto interese teñen, non arranxaron esa zona do paseo cando gobernaba o PP no Estado?”.

Recordan que a situación do paseo da Foz leva así dende hai anos. De feito, no texto da emenda do PP expoñen que “En 2018 produciuse o último afundimento do paseo”. “Recoñecendo que a situación xa viña de tempo atrás (no que xa gobernaban en Baiona, Galicia e no propio Estado con maioría absoluta) polo que non se entende a súa postura de reclamar que outros partidos fagan o que eles non fixeron por desleixo e falta de compromiso cas veciñas e veciños de Baiona”, critican desde Podemos.

“En calquera caso –continúan-, tanto o PPdeG como o BNG deberían saber que en política, cando se presenta unha emenda á totalidade dos orzamentos (ou de calquera proxecto de lei), como o fixeron, se está facendo unha declaración clara de que se devolva esa proposta ao goberno para que prepare outra. É dicir, se está en contra do recollido nese documento (os orzamentos) e a presentación desa emenda significa iso: unha proposta de devolución dun proxecto de Lei ao goberno por desconformidade, tal como recolle o artigo 126 do Regulamento do Congreso”. Para Podemos coa presentación da emenda á totalidade dos PGE, o PPdeG dá a entender que non aceptaba ese proxecto de orzamentos do estado, co que agora, presentar calquera emenda parcial é incoherente.

Segundo o partido morado, o goberno de coalición actúa “en modo automático”, ao rexeitar todas as emendas parciais que fagan as forzas políticas que presentaron emendas á totalidade. “Explicado de xeito máis sinxelo: o PPdeG quería tirar abaixo uns orzamentos que non lle gustaban. Como non o conseguiron, agora din que non son tan malos e que se poden mellorar e presentan modificacións aos mesmos”.

Por outra banda, queren aclarar que a día de hoxe non haxa unha partida específica para esa acometida, non significa que non se poida solicitar e creala máis adiante a través dunha modificación de crédito ou unha ampliación do mesmo, dependendo de como vexa mellor o goberno de facer dita creación orzamentaria ao respecto. “A modificación sería totalmente viable, pois o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico vai destinar máis de 37 millóns de euros para distintas obras na Provincia de Pontevedra”.

Finalmente, dende Podemos Baiona aclaran que as súas deputadas son conscientes deste problema, pero tamén doutros, como o proxecto do parque eólico na Groba, ou as verteduras na propia Foz. “Coñecedoras diso, e á conta dos prazos administrativos para poder dispoñer dos fondos necesarios dos PGE (para avaliar a reforma), a postura de Podemos (Galicia en Común) é clara e de total apoio ao arranxo do paseo da Foz”.