Sin categoría

O PP de Gondomar critica que o alcalde “malgaste” diñeiro en cambiar mobles do seu despacho

O alcalde de Gondomar gastou no mes de maio deste ano máis de vinte mil euros en amoblar o seu despacho, despois da reforma ao que o someteu a finais do ano pasado, cun investimento que superou os cincuenta mil euros. En concreto cambiouse a mesa de xuntas que custara case 2500 euros, as oito unidades de “sillón técnico” cun importe de case 3300 euros, o “sillón do alcalde” que custara máis de 600 euros, dúas unidades de “sillón técnico” por importe de 900 euros ou dúas butacas por un importe de máis de 1300 euros.

Dende o Partido Popular de Gondomar non entenden que o alcalde en troques de preocuparse dos problemas aos que se están enfrontando os veciños en xeral e os comerciantes e pequenos empresarios nestes duros tempos que nos toca vivir, dedícase a investir os cartos en arrombar o seu despacho, malgastando cartos en cousas que nestes momentos non eran necesarias.

“O que tiña que facer o alcalde Juan Francisco Ferreira era convocar o pleno extraordinario que solicitaron todos os membros da oposición para debater varias mocións que quedaron pendentes do ultimo pleno, entre as que se atopan varias con iniciativas importantes e urxentes para mellorar, na medida do posible, as condicións de vida de moitos veciños, comerciantes e hostaleiros”, explica Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.

Paula segue engadindo que “a convocatoria presentámola despois de que o alcalde no último pleno nos animase a facelo, e agora é el o que non a convoca. Así é como entende o Sr. Ferreira a democracia”.

Remata pedindo ao Alcalde que se deixe de facer anuncios copiados das iniciativas presentadas polos distintos partidos da oposición, ao non ter el mesmo iniciativa propia. “Deste xeito vén demostrar o que nos vén amosando durante esta lexislatura, que o seu é gobernar por impulsos e carente dunha planificación, a pesar de contar co equipo de goberno con máis dedicacións na historia de Gondomar”, remata dicindo Paula Bouzós.