Decretan prisión provisional para o acusado de matar á súa muller en Gondomar

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo decretou este martes prisión provisional comunicada e sen fianza para Valentín A.B., o home acusado de matar á súa muller, Soledad Rey Valverde, na parroquia de Mañufe, en Gondomar, o pasado 2 de decembro.

O home, de 64 anos e que permanecía ingresado no hospital, foi dado de alta este martes e detido pola Policía Nacional. Despois foi trasladado a sede xudicial, onde pasou a disposición xudicial. Está investigado como presunto autor dun delito de asasinato.

O presunto autor do asasinato da súa muller en Mañufe, ingresou o mesmo día dos feitos no hospital en estado moi grave como consecuencia dos cortes autoinflixidos en senllas bonecas e a perforación dun dos seus pulmóns.

A vítima, de 59 anos de idade, recibiu ata cinco puñaladas cunha arma branca mentres a parella atopábase soa na súa residencia familiar, á espera de que o menor dos fillos, con síndrome de Down, chegase acompañado do taxista encargado de trasladalo diariamente ao centro San Francisco de Vigo do que é usuario.

Precisamente foi o condutor o que deu a voz de alarma tras recibir, ás 16:25 horas, a mensaxe de boca do propio Valentín de que matara á súa muller e de que el se estaba morrendo. Tras practicarlle a autopsia no centro Nicolás Peña, o corpo de Soledad foi enterrado no cemiterio de Bouzas o pasado sábado 5 de decembro.