A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua aos concellos de Fornelos, Mos, Nigrán, Redondela e Soutomaior. A deputada responsable da área, María Ortega, subliñou que as axudas entregáronse a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de “dar prestixio ao galego”, tendo unha partida inicial de 100.000 euros. No caso de Nigrán os 5.736 euros concedidos destináronse ao Concerto polo Día das Letras Galegas con concertos de “Xardín Desordenado” e o dúo “Pino&Pino”.
Para a concesión das subvencións, dende a Deputación valoráronse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

