Gondomar recibe a Claudia López tras proclamarse campioa de España de Hípica

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, xunto coa concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, recibiu este sábado a Claudia López Comesaña, que acaba de proclamarse campioa de España de Hípica.

Claudia, de doce anos e veciña de Vincios, subiuse ao máis alto de podio na categoría C2 do Gran Premio PoniClub, disputado nas instalacións da UCJC Sport Club de Madrid e no que se deron cita os mellores xinetes e amazonas de todo o país.

Un ouro conseguido co seu cabalo “Dorien Vd Eindhoven”, converténdose na única que logrou facerse coa vitoria cun recorrido totalmente limpo, sen cometer ningunha falta nos tres días que durou o campionato que, segundo recolleron as revistas especializadas, “foi impecable” no caso desta amazona.

“É un orgullo para Gondomar poder contar con tan boas deportistas e que tanto promocionan por todo o mundo o nome do noso querido Gondomar”, comentou o alcalde.