Nigrán inicia a programación cultural que percorrerá todas as parroquias durante o Nadal

O Concello de Nigrán arranca mañá sábado a xira de Nadal de Teatro do Ar, Rey Midas e Voltereta e Volvoreta polas diferentes entidades do municipio co obxectivo de ter aforos reducidos ao presentar o mesmo espectáculo en cada parroquia, sendo sempre as citas ás 17:00 horas. Así, Teatro do Ar ofrece “Edificio 40” o sábado 19 no Centro Cultural A Camoesa e o domingo 20 no Auditorio Municipal; Rey Midas, pola súa banda, estará coa súa maxia o sábado na A.V. de Chandebrito e o domingo no Centro Cultural Parada do Miñor e, finalmente, Voltereta e Volvoreta levarán o contacontos “Un Nadal para contar” o sábado ao Centro Comercial A Ramallosa (non pode ser no Parque da Feira ante a previsión de choiva) e o domingo ao Torreiro de Priegue. Toda esta programación municipal, a cargo do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, ten unha temática de Nadal e está pensada para un público infantil. Pola súa banda, a xira do paxe real e o buzón real remata o luns 21 no C.C. Parada do Miñor e o martes 22 no Centro Comercial A Ramallosa (en ambos casos de 17:00 a 19:00 horas).

A programación cultural está 100% formada por artistas do municipio despois de que o Concello abrise unha liña de contratación específica como axuda ao sector. A maiores, e pensado noutro tipo de público, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas os concertos de Prosy (23 de decembro), Backup Souls (30 de decembro), e en Panxón o grupo de batucada “Latexos” (26 de decembro), así como a actuación de Peter Punk na Praza Rosalía de Castro (4 de xaneiro ás 17:00 horas).

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.

“É unha programación 100% feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada á realidade sanitaria coas máximas garantías de seguridade”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que “máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”.