Sexto corredor galego que o Vigo-Rías Baixas confirma para o seu proxecto 2021. O mosense Iñigo Rodríguez continuará a próxima tempada lucindo as cores do conxunto olívico. A pesar de que nos últimos meses non puido ofrecer a súa mellor versión, a entidade presidida por José Luis Chamorro mantén a confianza nun dos ciclistas sub23 de máis nivel no panorama autonómico.
Gañador dunha etapa na Volta a Salamanca 2018, cando corría no Aldro Team, a primeira campaña de Rodríguez no Vigo-Rías Baixas viuse totalmente trastornada pola crise sanitaria. “Este ano pintaba ben ata antes da pandemia, pero despois tocou adaptarse á nova situación. Houbo que refacerse para o que se puidese salvar desta atípica tempada”, comenta o ciclista de 21 anos.
No regreso da competición o corredor de Mos disputou o Campionato de España, convocado pola Selección de Galicia, e Marcos Serrano aliñouno nas dúas últimas citas puntuables para a Copa de España. Desde o seu rol de gregario en favor do xefe de filas Mauricio Moreira, Rodríguez outórgalle “un dez” ao equipo polo seu rendemento ao longo de toda a tempada. “Os ciclistas estamos nas mellores mans e no Vigo-Rías Baixas fannos sentir coma se estivésemos na nosa propia casa”, engade.
“No 2021 gustaríame facer as cousas ben desde o inicio e así poder render ao meu máximo nivel”, sinala o pontevedrés, que seguirá compartindo estrutura cos tamén galegos Guillermo Mallo e Manuel Sampedro, co burgalés Asier González e co vasco Jon Tena. A falta de pechar o capítulo de renovacións e anunciar a maioría das súas fichaxes, o club con sede en Vigo xa desvelou a incorporación de Miguel Ángel Fernández e o ascenso desde o seu equipo júnior de Jorge Fernández e Andrés Taboada.

