Sin categoría

O pleno de Gondomar dá luz verde ao convenio para adquirir a Casa Peralba

O pleno da corporación municipal de Gondomar aprobou por unanimidade, na sesión celebrada o pasado luns, o convenio de colaboración entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e Solo cuxa finalidade é adquirir a Casa Peralba para a súa rehabilitación. Desta forma a vivenda, situada no centro do municipio, a propiedade pasará a ser parte do patrimonio público de Gondomar, e o Concello dispoñerá entón dunha edificiación de interese arquitectónico e unha gran finca, de algo máis de 4.000 metros cadrados.

O convenio, apoiado por todos os grupos da corporación, ten por obxecto definir os termos da colaboración e os compromisos mutuos das partes asinantes, de cara ao financiamento para o apoio da compra e rehabilitación da Casa Peralba, que se concretará nun préstamo con cargo ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo de 300.000 euros.

Respecto ao uso final da vivenda e os seus terreos, aínda non hai nada decidido, aínda que o goberno local apunta algunha actividade “obviamente lúdica, social ou cultural para o desfrute da veciñanza”.