O Partido Popular, xunto con todos os concelleiros da oposición na Corporación de Gondomar, presentaron o pasado mércores por rexistro un escrito no que solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para poder debater varias mocións que quedaron pendentes no pleno do pasado luns, ante a negativa do Alcalde a convocar un pleno urxente que dera continuidade ao inacabado pleno de decembro.
Entenden os concelleiros que o Alcalde pon cada vez máis atrancos ao exercicio de fiscalización por parte dos membros da oposición así como a debater asuntos importantes para os veciños que se levan a pleno en forma de moción. Aseguran que moitas destas iniciativas son importantes e urxente levalas a cabo para mellorar, na medida do posible, as condicións de vida de moitos veciños, comerciantes e hostaleiros. Explica a voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós, que esta actitude do alcalde fai que todos os membros da oposición se xunten e cheguen a consenso para presentar estas medidas, que non serían necesarias si o alcalde actuase con outro talante.
Os concelleiros asinantes comprometéronse a entregar as indemnizacións por asistencia a este pleno extraordinario ás diferentes asociacións sociais e humanitarias que cada grupo considere oportuno, como demostración de que esta convocatoria non ten como fin o cobro de indemnización, senón tratar as iniciativas, propostas que de non seren abordadas agora quedarían obsoletas para o vindeiro pleno a celebrar en xaneiro.
A orde do día que propoñen está composta por 11 mocións e preguntas a facer polos diferentes grupos da oposición.
MOCIÓNS:
Do PP :
1ª.- Moción sobre as subvencións de concorrencia competitiva.
2ª.- Moción para establecer axudas e redución de impostos polo covid-19.
3ª.- Moción sobre a tramitación da lei orgánica de modificación da LOE (LOMLOE).
4ª.- Moción para solicitar do Goberno de España a bonificación adicional de varios tributos.
5ª.- Moción sobre o I.E.S. Terra de Turonio de Gondomar.
De MM-EM:
1ª.- Moción en apoio do comercio local de Gondomar.
Do BNG:
1ª.- Moción sobre a reposición de servizos de tren suprimidos e plan de mellora da rede ferroviaria e creación do ente ferroviario galego.
2ª.- Moción pola prolongación ao ano 2021 do Día das Letras dedicado a Carvalho Calero.
3ª.- Moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria .
4ª.- Moción de apoio ao sector cultural.
5ª.- Moción de apoio ao comercio e á hostalaría locais.
Agardan que polo ben de todos os veciños, por parte do Alcalde se convoque o máis axiña posible este pleno e non se deixen caducar as iniciativas que se propoñen.

