A cooperativa do Cova Terreña doa 930 € a Ayuda al Mundo Necesitado e Bai.Senpulgas

A cooperativa “Aloumiños de Papel” do CPI Cova Terreña entregou este sábado no Mercado de Abastos de Baiona as súas doazóns a dúas causas benéficas, a protectora de animais Bai.Senpulgas e a ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”. Este evento quedou aprazado a finais do curso pasado esperando poder facelo no primeiro trimestre do presente curso, pero en vista de que pasa o tempo e sen posibilidade de facelo no colexio, os tres profesores implicados, Santiago Otero, Manuel Vázquez e Mercedes Coto, decidiron realizar un brevísimo acto no que soamente estivo presente o equipo directivo da cooperativa e as presidentas das dúas entidades beneficiarias.

A pandemia fixo que a cooperativa, constituída por 19 alumnos e alumnas de 6º B de primaria do CPI de Cova Terreña dentro do proxecto DepoEmprende na Escola, da Deputación de Pontevedra, non puidese ter o mercado con todas as cooperativas no mes de maio para seguir vendendo os produtos artesanais que fixeron (cadernos, chaveiros, pulseiras, colgantes, etc) con materiais ecolóxicos e sostibles. Despois de levar varias semanas de confinamento decidiron seguir facendo cousas da cooperativa, traballando telematicamente, como tantas empresas. Neste tempo, cada un desde a súa casa pero todos e todas xuntos/as no contacto diario que tiñan grazas á plataforma E-Dixgal, fixeron moitas actividades: elaboraron fichas-rexistro dos produtos, redactaron correos e mesmo crearon un blogue para vender “en liña” os seus produtos.

Os 930 € doados, 465 € para Ayuda al Mundo Necesitado de Baiona e 465 € á protectora de animais Bai.Senpulgas, son o 60% das ganancias da cooperativa. O 40% restante dos beneficios repartirano entre os socios. Nun principio ía ser para a excursión de fin de curso, suspendida a causa do Covid-19. “Queriamos agradecer ao Concello por deixarnos ter un posto na Arribada, xa que aí obtivemos gran parte dos beneficios. Queriamos agradecer tamén aos nosos profesores, a Santi, a Manuel e sobre todo a Merce, porque sen ela nada disto sería posible”, destacou Carolina Vázquez, presidenta de “Aloumiños de Papel”.

Nadia Rodríguez, vicepresidenta, afirmou que “estamos moi orgullosos da cantidade de diñeiro que conseguimos recadar, porque cando acabou o Real Mercado da Arribada seguimos teletraballando no confinamento por un blogue que creamos e puidemos vender algúns produtos”. Pola súa banda, Carolina Marcote, secretaria da cooperativa, quixo agradecer a Remedios Ruibal “por ensinarnos a coser” e a Carlos da Xoiería Atlántico “por ensinarnos a facer xoias”.

Marité Sigvaldi, presidenta de Bai.Senpulgas, quixo destacar e agradecer o labor de “Aloumiños de Papel”. “É un orgullo que estes nenos estean a formarse con este grupo de profesores e de pais en todo este ámbito do cooperativismo e a colaboración con aquelas asociacións que non reciben ningunha subvención. Estes nenos en 10 anos son adultos e serán diferentes a aqueles que non recibiron este tipo de formación”. Finalmente, Juani Alonso, presidenta da ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”, mostrou o seu agradecemento “ao grupo destes nenos que traballaron tanto e á súa profesora, grazas a todos e que sigan con este exemplo para toda a mocidade”.