A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de ampliar a todo o litoral galego a alerta laranxa por temporal costeiro que estaba prevista para esta tarde na costa das provincias da Coruña e Lugo
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo hoxe pola tarde no noroeste e oeste da provincia de A Coruña e na Mariña lucense, e cara a noite irá ampliándose ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

