Cespa dona 60 cestas de Nadal para repartir entre as familias usuarias dos servizos sociais de Nigrán

O Concello de Nigrán recibiu esta semana por parte da concesionaria de limpeza Cespa-Ferrovial unha doazón de 60 cestas de Nadal para repartir entre as familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello. Cada caixa contén doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…), latas de conserva, alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…) e produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal. O Concello repartirá este aguinaldo de Cespa a vindeira semana xunto ao seu reparto ordinario de alimentos.

“Estamos moi agradecidos a Cespa polo seu xesto solidario e o seu compromiso con Nigrán. Quixeron colaborar coas familias desfavorecidas nestas datas tan especiais e desde o Concello suxerimos estas cestas de Nadal con doces típicos e outros básicos non tan habituais por non formar parte do banco de alimentos”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que o reparto realizarase xunto coa entrega ordinaria do Concello a vindeira semana.

Recollida de alimentos

Paralelamente, ante a non programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolverá este ano a recollida de alimentos nos colexios do municipio ata o 18 de decembro para que, a súa vez, cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participan o CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes (que xa participou coa súa carreira solidaria) CEIP Mallón e E.I. A Galiña Azul. Operarios municipais recollerán o recadado durante as vacacións escolares. As doazóns serán exclusivamente a través do alumnado de cadanseu centro.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal e dispón de fondos para adquirir todos os produtos que fagan falla, estas iniciativas solidarias son de gran axuda pero se encadran máis nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde, quen engade que a crise económica que aparella o Covid-19 aumentou o número de usuarios dos Servizos Sociais e a previsión, desafortunadamente, é que a cifra siga medrando.

Paralelamente, o Concello pechará o 18 de decembro a recollida de xoguetes que iniciou en novembro, téndose superado con creces as mellores expectativas cunha cantidade record de recadación (estes se entregan na Oficina de Información Cidadá, de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas).