A gondomareña Delikia instala botoneiras sen contacto para aumentar a seguridade nas súas máquinas

Delikia, operador de vending a nivel nacional con sede no polígono gondomareño da Pasaxe, desenvolveu unha tecnoloxía innovadora que ten por obxectivo evitar o contacto entre o usuario e a máquina de vending, contribuíndo así a minimizar o posible risco de contaxios. Para iso, desenvolveu unhas botoneiras con tecnoloxía “contactless” que permiten adquirir os produtos sen necesidade de tocar as máquinas. En sintonía con este sistema, as máquinas de Delikia ofrecen tamén a posibilidade de realizar o pago a través de teléfono móbil, evitando así a manipulación de tarxetas e diñeiro en efectivo e, por tanto, calquera tipo de contacto coas mesmas.

Innovación e desenvolvemento

Para Delikia, o I+D é un piar fundamental dentro da súa estratexia empresarial, algo que abarca diferentes ámbitos, desde os produtos que ofrece, os procesos de elaboración ata a propia loxística de máquinas e procesos internos. En palabras de Jose Gainzarain, Director Xeral de Delikia, “apaixónanos a innovación, un aspecto que cobra máis importancia se cabe no contexto no que vivimos actualmente a causa do COVID19. É por iso que na compañía atopámonos inmersos nun constante proceso de investigación, desenvolvemento e mellora dos nosos produtos alimenticios e procesos de elaboración e esta nova tecnoloxía é unha mostra diso. Outro exemplo é o desenvolvemento e implantación dun sistema propio que nos permite ter todas as máquinas conectadas, conseguindo control de stocks e trazabilidade dos produtos”.

Instalacións botoneiras sen contacto

Delikia xa iniciou a instalación de máis de 100 botoneiras sen contacto nas súas máquinas de vending repartidas por todo o territorio nacional e a prioridade nestes momentos é colocalas en 10 hospitais de diferentes comunidades autónomas, en resposta ao contexto actual derivado a crise sanitaria provocada polo Covid-19. A relación de hospitais nos que se situarán estas botoneiras especiais son: Complexo Hospitalario Universitario Santiago de Compostela (CHUS), Hospital Txagorritxu (Vitoria), Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), Hospital de Manises (Valencia), Hospital Provincial de Zamora (Zamora), Clínica Universidad de Navarra (Madrid), Hospital Quirón (Mallorca), Hospital HM Nens (Barcelona), Hospital General de la Defensa (Zaragoza), Hospital Universitario de Jerez (Cádiz) e Hospital Vithas Xanit (Málaga).

A previsión é ir incrementando a instalación destas botoneiras sen contacto, ata chegar ás 500 unidades, en máis localizacións estratéxicas e de gran afluencia de usuarios tales como aeroportos e grandes superficies. En concreto, algunhas delas estarán localizadas no aeroporto do Prat (Barcelona) e no Centro Comercial Lagoh (Sevilla), entre outras localizacións.