Detido un mozo de Nigrán como presunto autor de varios roubos en casas habitadas de Baiona

A Garda Civil, nun operativo conxunto realizado con efectivos da Policía Local de Baiona, procedeu á detención dun veciño de Nigrán como presunto autor de polo menos catro roubos cometidos noutras tantas vivendas habitadas no municipio de Baiona.

As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán permitiron identificar a este veciño, de 20 anos, con antecedentes policiais, como suposto autor de tres roubos con forza, un en grao de tentativa e un delito menos grave de furto, todos eles cometidos en casas habitadas, ocorridos durante este ano no centro urbano de Sabarís (Baiona).

A detención produciuse a semana pasada no transcurso dun operativo conxunto establecido por varias patrullas de Garda Civil e Policía Local cando se ten noticia de que se activou o sistema de alarma dunha vivenda situada nunha céntrica urbanización de Sabarís. A rápida reacción do dispositivo permitiu sorprender a un mozo que saía correndo do inmoble, que foi interceptado momento despois cando pretendía darse á fuga.

No momento do arresto interviñéronselle os útiles que estaba a utilizar para cometer os roubos, un par de luvas e a chave de parafusos que supostamente utilizaba para forzar as portas e as xanelas a través das cales accedía ás vivendas.