Baiona presenta a súa programación do Nadal con máis de trinta actividades

O Concello de Baiona ofrece durante a época do Nadal unha programación completa e variada con máis dunha trintena actuacións en artes escénicas e musicais, na súa aposta pola dinamización da vila. Bai Nadal 2020/2021 comeza co “Sons do Casco”, unha serie de concertos que terán lugar o 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12 e 13 de decembro e traerán consigo uns días repletos de música en directo coa participación dun total de 16 grupos de diferentes estilos, como o jazz, blues, funk, flamenco, rock, pop, etc. As actuacións celebraranse nun único escenario, o instalado na Praza do Concello, debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria do COVID-19.

A estes concertos seguiralle toda unha serie de actuacións en artes escénicas, cine, monicreques, espectáculos para todos os públicos pero cunha chiscadela especial ao público infantil que se prolongarán até o 10 de xaneiro. O palco instalado na carpa da Praza do Concello albergará as actuacións da programación cultural xunto co Auditorio V Centenario e a Alameda Carabela Pinta.

O xoves, 17 de decembro, ás 18:30 horas, na Praza do Concello terá lugar a actividade de Teatro Cómico “Saaabor”, de Culturactiva. O venres será a quenda do Cine no Camiño coa película “Arima”, no Auditorio V Centenario ás 20:00 horas, coa asistencia da directora Jaione Camborda. O sábado, día 19, o Grupo Puzzle ofrecerá na Praza do Concello o espectáculo “Noite de Verbena”. O domingo 20 é a quenda da representación teatral “Lixo”, da compañía “O Baúl da Tía Tola”, no Auditorio V Centenario ás 18:00 horas.

O luns, 21, ás 18:00 horas a Praza do Concello acollerá o espectáculo de monicreques “Cocer e Cantar no Camiño de Santiago”, da compañía “Monicreques Seis Dedos”. O martes, cine na praza ás 19:00 horas coa película “Santa Claus e Cía”. O mércores 23 o triciclo de Papá Noel de Pablo Méndez Performances sairá da Alameda Carabela Pinta e percorrerá as principais rúas de Baiona ao longo da tarde, e ás 18:00 horas a Alameda Carabela Pinta acollerá o concerto de Nadal de “Cherry Sweet”. O sábado 26 o Auditorio V Centenario acollerá ás 20:00 horas o concerto de Lucía Pérez.

O domingo 27 ás 18:00 horas os máis pequenos e pequenas da casa poderán gozar na Praza do Concello do espectáculo infantil “A Bailar no Nadal”, do Grupo “Animar-t”. O martes 29 proxectarase a película “Animales Fantásticos: Los crímenes de Grindelwald”, na Praza do Concello ás 19:00 horas. O mércores 30 Troula Animación levará a cabo a actuación dos trasnos “Din Don” ás 18:00 horas na Praza do Concello.

No mes de xaneiro, o sábado día 2, o carro do Carteiro Real de Pablo Méndez Performances percorrerá as principais rúas de Baiona entre as 18:00 e as 20:00 horas con saída da rúa Carabela Pinta.

O broche de ouro da programación terá lugar o luns 4 coa visita dos Reis Magos ás distintas parroquias e o martes 5 coa cabalgata estática instalada no Parque da Palma, de 17:00 a 21:00 horas. O punto e final a esta completa programación do Nadal o pon un festival de maxia do venres 8 ao domingo 10.