Acto veciñal por unha Internet do Século XXI en Gondomar

A Plataforma Gondomar Fibra Xa! convoca un evento na carpa da Praza da Paradela para este domingo 6 de decembro ás 12:00 horas, co ánimo de presionar á empresa Movistar, perceptora de subvencións públicas, para que avance nas negociacións para desbloquear dunha vez por todas o tramo de alimentación cos particulares implicados.

Os veciños de Gondomar (principalmente os que viven nas parroquias) sofren unha fenda dixital que non lles permite tele traballar, estudar ou comunicarse adecuadamente coa súa familia ou amigos, nin ter lecer na súa propia casa, a pesar de pagar relixiosamente todos os meses as súas facturas a Movistar.

Con este acto reivindicativo queren resaltar as deficiencias que padecen, especialmente agora en tempos de pandemia nos que a comunicación dixital converteuse nun servizo esencial. Todo o acto realizarase cumprindo estritamente coas medidas de seguridade sanitarias na carpa habilitada na Praza Paradela e ao finalización do mesmo procederase á lectura dun manifesto.