Dende o Círculo de Podemos Nigrán critican a falta de transparencia do Goberno local que está a afectar á accesibilidade da veciñanza para participar da vida política presente. Os cambios acontecidos nos últimos tempos como a muda dos plenos á mañá ou a negación, nestes tempos de pandemia, de realizar os plenos vía streaming, opacan o traballo que se está a acometer en Nigrán, afastándose dos estándares mínimos esixidos en democracia.
Un goberno progresista caracterízase polo seu saber estar, ser e facer, por isto, durante a corentena, o grupo municipal de Podemos, solicitou a creación de plenos de forma telemática para favorecer dita participación da cidadanía, así coma tamén o seu acceso e consulta a curto ou longo prazo, conseguíndose, con pouco esforzo, un maior interese do habitual. Dende a formación morada crían que era unha nova forma adoptada que chegaba para quedarse, xa que as limitacións de aforo poden verse coma un veto para o dereito ao acceso a unhas actividades de interese público, pero volveuse á mecánica anterior.
Todo isto pon de relevo a importancia da utilización de procesos telemáticos, onde pequenos cambios mellorarían o proceso democrático e enriquecerían a participación dos veciños e veciñas. “O dereito á información non é discutible, e traballar a prol dunha mellor comunicación tampouco”.

