A Delegación do Goberno en Galicia acolleu esta mañá un acto de repulsa cara ao último crime de violencia de xénero ocorrido esta semana na Comunidade. O delegado do Goberno, Javier Losada, presidiu o minuto de silencio co que se lembrou a memoria da veciña de Gondomar Soledad Rey e rexeitouse enerxicamente calquera tipo de violencia exercida sobre as mulleres.
Este caso, o terceiro en Galicia no que vai de ano, tampouco contaba con denuncias nin sospeitas previas. Por iso, a Delegación insiste na existencia dun teléfono permanente, o 016, que non só recolle denuncias de vítimas senón de calquera cidadán que sospeite deste tipo de delitos. Este número recibiu entre xaneiro e setembro deste ano 2.495 chamadas procedentes de Galicia.
Con este crime xa son 64 as mulleres asasinadas na Comunidade desde o ano 2003 (ano de comezo dos rexistros oficiais). O Ministerio da Interior conta cun Sistema de Seguimento Integral de Casos de Violencia de Xénero (Viogen), que mantén activos en Galicia 3.733 casos. Ademais, rexistráronse 2.866 denuncias por violencia machista en Galicia durante o primeiro semestre, incoáronse 1.500 ordes de protección e activáronse 97 dispositivos de control telemático de agresores.
Respecto ao apoio á vítima, sinalar que en Galicia hai 627 usuarias do servizo ATENPRO (servizo telefónico de Atención e Protección a Vítimas de violencia de xénero), e que no que levamos de ano foron 873 as vítimas perceptoras da renda activa de inserción. Doutra banda, tamén se concederon este ano 68 axudas por cambio de residencia a vítimas.

