
Esta mañá reuniuse en Nigrán unha representación da hostalería de Nigrán e Gondomar para informar e comentar todas as reunións que mantivo a comisión hostaleira e OVALMI coas diferentes administracións públicas, así como os compromisos alcanzados e as distintas medidas a seguir. Os anuncios feitos desde a Xunta de Galicia e a falta da súa publicación oficial no DOGA, levan ao sector da hostalería a unha apertura con moitas limitacións, tanto no seu aforo como nos seus horarios.
Estas novas restricións son asumidas por parte dos empresarios hostaleiros con resignación e enfado, xa que unha vez máis se lles segue tratando con inferioridade a outros sectores produtivos e discriminando de forma alarmante. O peche da hostalería ás 17:00 horas e a limitación de aforo ao 30%, nunha comunidade autónoma onde as terrazas a estas alturas do ano non son operativas, reduce en gran medida a facturación duns empresarios que viron reducido o seu ano 2020 a oito meses de traballo, coas consecuencias económicas graves que iso conleva.
Nesta reunión acordouse o realizar unha concentración diaria e durante un mes, ás 18:00 horas na ponte da Ramallosa, a modo de protesta. Así mesmo, decidiuse facer unha recollida de firmas in situ e nos propios locais, pedindo ao Goberno da Xunta e ao Central, que a hostalería non volva pecharse, xa que está máis que demostrado que non son o problema e que, a pesar do seu peche, os casos seguen en aumento, confirmando que os seus negocios son totalmente seguros ante a COVID-19.