A Xunta expresa a súa máis enérxica condena e repulsa ante o crime de Gondomar

A Xunta de Galicia expresa a súa máis enérxica condena pola morte dunha muller no concello de Gondomar, que se está investigando como un posible delito de violencia de xénero. O Goberno galego manifesta a súa consternación ante este crime e amosa as súas condolencias á familia e, á espera, de que a investigación confirme se é un caso de violencia de xénero, fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra.

A Administración autonómica está en contacto permanente co Concello de Gondomar e seguindo o curso das investigacións das Forzas e os Corpos de Seguridade do Estado.

Así mesmo, a Xunta fai un chamamento para que as persoas que están sendo vítimas de malos tratos denuncien para que así se lles poidan prestar a axuda necesaria para rachar coa situación de violencia na que están inmersas. Teñen á súa disposición un amplo abano de medidas: protección policial, axudas económicas, asesoramento e información, apoio psicolóxico ou a rede de casas de acollida.

Neste sentido, hai que lembrar que as vítimas de violencia de xénero tamén poden acudir ao teléfono da muller 900400273 ou o 016, un servizo gratuíto que garante a confidencialidadem xa que non queda pegada na factura telefónica.