O PP de Nigrán lamenta “a falta de compromiso do goberno do PSOE cos veciños”

O PP de Nigrán presentou senllas mocións para a mellora real do trazado dos viais de titularidade provincial Tarela-Camos-Chandebrito EP-2106 e Mallón-Areiña EP-2102, “ao que o Sr. Alcalde quérenos vender que xa están en marcha, cando o que está en proxecto son simples sendas peonís, algo claramente insuficiente despois de 50 anos de non facer practicamente nada nestes viais”. Os populares consideran que realmente Juan González quérelles “tomar o pelo”, rexeitando a súa proposta de instar á Deputación para realizar un verdadeiro arranxo dos viais citados, cando ademais, “votou a favor diso en abril do 2019”.

Doutra banda, o PSOE de Nigrán rexeitou tamén as propostas do PP de axuda ás ONGs, Autónomos, Pemes e Artistas por un importe de 40.000€ e 400.000€, “alegando que ninguén as pediu nada, e que os servizos sociais do Concello funcionan moi ben… os mesmos servizos sociais que recibiron a proposta da Xunta de 1.800 horas de asistencia domiciliaria (sen custo para o Concello) durante a pandemia e que non asignaron nin unha hora”.

En canto ás axudas a Autónomos Pemes e Artistas, descartouna por desmesurada. A cambio propón que no próximo pleno exporá axudas por 120.000€. “Facendo un simple cálculo das empresas e empregados afectados, con ese importe máis da metade dos mesmos non recibirían nada. A contía asignada é claramente insuficiente, aínda que polo visto é suficiente para os sectores que a demandaban, xa que no pleno non había ningún representante dos colectivos”.

“Todo isto deixa claro a falta de compromiso do goberno municipal cos veciños de Nigrán, facendo propostas para a galería, claramente insuficientes, vendéndoas como o mellor… máis fume… como sempre”, conclúen os populares.