Xa son 132 os positivos detectados na residencia Vila do Conde de Gondomar

A Consellería de Sanidade informa de que xa son 132 os positivos na Residencia Vila do Conde, situada na parroquia gondomareña de Vilaza, tras detectarse 27 persoas máis contaxiadas, 21 usuarios e 6 traballadores. Son 110 os maiores do centro afectados, do total de 120, xunto con 22 traballadores. As alarmas saltaron o pasado venres día 20, cando se detectaron os primeiros 23 positivos, 22 usuarios e 1 traballador. Este xoves, sumábanse outros 67 positivos entre os usuarios e 15 entre os traballadores. Os datos actualizados este domingo arroxan un total de 431 maiores usuarios de residencias e 204 traballadores contaxiados en Galicia. No que respecta aos centros para persoas con discapacidade, hai 19 casos positivos entre os usuarios e 10 traballadores.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.904 deles 1.675 son da área da Coruña, 967 da de Lugo, 473 da de Ourense, 1.136 da de Pontevedra, 2.099 da área de Vigo, 866 da de Santiago, e 688 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 81 están en UCI, 388 en unidades de hospitalización e 7.435 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 42.856 persoas curadas, rexistrándose 1.193 falecementos. O número de PCR realizadas é de 894.592. No que se refire ao Val Miñor, nos últimos 14 días foron diagnosticados por PDIA (Probas Diagnósticas de Infección Activa) un total de 20 casos en Baiona, 122 en Gondomar e 35 en Nigrán.

Información por concello

Novos casos diagnosticados por PDIA (Probas Diagnósticas de Infección Activa) nos últimos 14 días